A astronomía como cha contan

A ciencia avanza tan rápido que os medios de comunicación (e as redes sociais) convertéronse na única vía pola que unha persoa interesada pode manterse ao día dos seus progresos. Con todo, entre os obxectivos principais dos medios e as redes (informar, entreter, vender, conectar...) non figura educar ao público. Por iso as regras do xogo para aprender nestes espazos son distintas das que manexamos na escola, os museos e outros ámbitos deseñados para a educación.

A astronomía como cha contan é unha exposición sobre a forma en que os medios tratan as noticias sobre astronomía e astronáutica. A información está distribuída en seis ámbitos que cobren a exploración do Sistema Solar, a investigación sobre o espazo profundo, os achados de planetas extrasolares, a vida dos astronautas no espazo, os satélites que observan o noso propio planeta e a contaminación lumínica que dificulta o goce do firmamento.

Neste proxecto participan o Instituto de Astrofísica de Andalucía, que desenvolveu o Videoblog do Astrónomo Indignado, os Museos Científicos Coruñeses, e o Planetario de Pamplona, e conta coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía - Ministerio de Economía e Competitividade.