CASACIENCIAS
O primeiro museo interactivo público de España naceu en 1985
DOMUS
En 1995 a Casa do Home uniu ciencia e arquitectura nunha homenaxe á especie humana
AQUARIUM FINISTERRAE
En 1999 a Casa dos Peixes completou a triloxía científica
da Coruña
E-MUSEO
En 2011 o museo online e participativo reúne todos os recursos dixitais das tres casas
Museos Científicos Coruñeses (=mc2) é unha institución creada polo Concello da Coruña para a divulgación da ciencia.
Esta iniciativa parte da premisa de que Sen ciencia non hai cultura e que polo tanto o analfabetismo científico é pura e sinxelamente analfabetismo. Ofrece ós cidadáns estímulos e recursos para incorpora-la ciencia á súa cultura e así capacitalos para comprende-lo mundo no que vivimos.
Alén das súas salas de exposicións, os Museos Científicos Coruñeses levan a ciencia á cidadanía mediante actividades, cursos, conferencias, obradoiros... As monografías de comunicación científica de mc2 dan resposta ás inquietudes da poboación sobre temas de actualidade como a gripe aviaria, as vacas tolas ou as células nai.
Para promover o labor dos divulgadores científicos, o Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses conceden cada ano os premios Prismas, un certame internacional que se celebra desde 1988. Coa colaboración da Asociación de Amigos da Casa das Ciencias, o premio Luis Freire fomenta a creatividade científica entre os escolares galegos.
En xaneiro de 2009 reabriu as súas portas a Casa das Ciencias, tras unha ampla reforma que incluiu a instalación dun novo planetario dixital. Nesa liña, o cine 3D dixital (2008) da Domus e a OceanoSfera (2010) do Aquarium Finisterrae completan unha oferta audiovisual científica que sitúa aos Museos Científicos Coruñeses na vangarda europea.
25 anos despois, os Museos Científicos Coruñeses seguen a buscar novas fórmulas para conectar cos distintos Públicos da Ciencia e novas actividades para contribuir a incorporar a ciencia á axenda cultural cotián, como o ciclo Os luns con ciencia.
© Museos Científicos Coruñeses, 2011 | Comentarios e suxestións