Luis Freire García
A Coruña, 1914 — Vigo, 1997

Luis Freire naceu na Coruña en 1914. Aos 3 anos trasladouse coa súa familia a Vilalba, onde vivían os seus avós maternos. Asistiu á escola pública, unha escola con poucos alumnos e cunhas mestras excepcionais que deixarán unha profunda pegada no seu xeito de aprender e de ensinar. Esta estancia en Vilalba converteulle, en palabras do escritor e profesor Alonso Montero, nun «aristócrata de aldea».

Con 12 anos, regresou á cidade da Coruña e comezou a traballar e a estudar por libre os catro cursos do Bacharelato Elemental que aprobou en só dous anos. Superada a Reválida decidiu facerse Practicante e continuar os estudos de Bacharelato Superior.

Ao tempo que desenvolvía a súa actividade profesional impartía clases particulares de latín, de grego, de literatura ou de matemáticas, tanto en niveis secundarios como universitarios. E comezou a practicar unha afección á que dedicaría toda a súa vida: o estudio de insectos, arañas e plantas.

Aos 57 anos trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Ciencias Biolóxicas. Acabou a carreira en catro anos, licenciándose en 1975, e a continuación realizou a tese de licienciatura e a tese doctoral. Durante este tempo impartiu clases de Botánica na Facultade e codirixiu cinco teses de licenciatura sobre flora e micoloxía de Galicia.

En 1981 defendeu a súa tese doutoral sobre fungos "Macromicetos da Selva Negra". A partir de entón, a micoloxía converteuse na súa principal liña de investigación. Publicou máis de 40 artigos, 4 libros, participou en medio centenar de congresos e dirixiu 8 teses de licenciatura e 2 teses doutorais sobre o tema.

Luis Freire foi membro fundador da Sociedade Galega de Historia Natural, do Grupo Botánico Galego, do Grupo Micolóxico Galego e da Asociación de Amigos de la Casa de las Ciencias.




© 2017, Museos Científicos Coruñeses (Concello da Coruña) | Comentarios e suxestións